Friday 26 de April de 2024

O concello acorda medidas especiais coa Compañía de Tranvías para adaptarse ás novas restricións en materia de transporte urbano


Villoslada advirte sobre as restricións impostas pola Xunta, xa que entende que “non son consecuentes” coa situación laboral da cidade

A Concellaría de Mobilidade acordou coa Compañía de Tranvías unha serie de medidas extraordinarias encamiñadas a cumprir as restricións impostas pola Xunta de Galicia e no contexto actual do estado de alarma.
Deste xeito, o servizo de transporte urbano da Coruña aplicará, a partir de mañá sábado, a nova restrición ditada polo Goberno autonómico, que no Decreto 179/2020 establece unha limitación do 50% de ocupación das prazas sentadas e unha sexta parte de viaxeiros de pé para os autobuses urbanos Clase I, en que se inscriben os vehículos do transporte urbano.

A Compañía de Tranvías comprometeuse co Goberno local a poñer o 100% da frota en funcionamento e reforzar o servizo nas horas punta. O concelleiro Juan Díaz Villoslada sinala que, para cumprir con este obxectivo, a compañía monitorizará a evolución da demanda co fin de comprobar cales son as liñas e os horarios con maiores necesidades de cobertura.

“A pesar de que reforcemos o servizo, as restricións no transporte urbano non son paralelas ás restricións de mobilidade e, por tanto, é posible que se produza saturación do servizo pero a prioridade será controlar as capacidades”, dixo.

ViIlloslada asegura que neste período demostrouse que o transporte público é un medio seguro e fai un chamamento á colaboración das persoas usuarias, con especial fincapé á necesidade de utilizar a máscara en todo momento e a atender ás indicacións das condutoras e dos condutores con respecto á capacidade e á utilización dos espazos habilitados nos autobuses. Tamén se recomenda evitar no posible as horas punta, sobre todo coas facilidades que ofrecen as liñas con alta actividade, como a universitaria, en que se manterán todos os reforzos posibles nas ditas horas, con frecuencias de 3 minutos.